Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta eleva ata case 5M€ as axudas para fomentar o emprego na economía social e impulsar este modelo


― Ampliouse en máis dun millón de euros o orzamento inicial do programa para poder atender todas as solicitudes recibidas que suman un total de 486

― Galicia contará en 2023 con máis de 42M€, un 20% máis que en 2022, para crear, emprender e fomentar o emprego no sector

A Xunta está a apoiar o emprendemento a través do programa Aprol Economía Social que tras unha ampliación de 1,1 millóns de euros, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, acadará na presente convocatoria os 4,9 millóns de euros para impulsar este modelo de negocio.

A ampliación do programa responde á demanda detectada nesta convocatoria con 486 solicitudes acadadas e permitirá dar cobertura a todas as peticións.

Aprol Economía Social inclúe apoios directos ás cooperativas e sociedades laborais estruturadas en dúas liñas compatibles entre si: unha primeira para fomentar o emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios; e unha segunda, para promover o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.
A Xunta seguirá a apoiar en 2023 a economía social, un modelo económico que contribúe á cohesión social e do territorio, poñendo o foco nas persoas e baseándose na xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario. Forman parte deste sistema na comunidade máis de 7.000 entidades e empresas que representan cerca do 7% do PIB en Galicia.

A Xunta consignou máis de 42 millóns de euros (+20,87% que en 2022) para impulsar este ecosistema en 2023 con actuacións que se artellarán en tres grandes eixos: difusión da economía social, creación e consolidación de iniciativas de economía social, e promoción do emprego inclusivo.